viernes, 29 de julio de 2011

XI VELADAS DE TEATRO NO SOUTO e IV EDICIÓN EXPRESS-arte CERVO

Os días 4.5,6, e 7 de Agosto , ás nove e media
da noite , con entrada gratuita e con espazo
totalmente cuberto, a Praza do Souto de Cervo
voltará a ser o escenario da combinado
artístico-cultural formado por EXPRESS-arte e
as VELADAS DE TEATRO NO SOUTO, organizadas polo
grupo de teatro "O Bordelo" coa colaboración do
Concello de Cervo.
Para abrir boca subiran ó escenario os
participantes da IV Edición de EXPRES.arte , esa
oportunidade para todos aqueles que queren
comezar no mundo artístico, para continuar coas
representacións teatrais das XI VELADAS DE TEATRO
NO SOUTO , que este ano , a pesares da crise,
presenta un programa especial.
Os actos desenrolaranse de acordo ó seguinte programa:
Xoves, día 4 de Agosto: (EXPRES -arte: Recital poético-musical a cargo de PACO RIVAS) seguido do Grupo de teatro asturiano "El Hórreo"de Barcia (Valdés) representando " Telva i Axuacu" de José Oliva Alonso.
Venres, día 5 de Agosto; (EXPRESS-arte:SKETCH:" Ai, que sería de nós sen os obreiros" con Ángeles Gabeiras e Olga Chamosa de As Pontes de García Rodríguez) seguido de TIRULEQUE TEATRO do Carballiño (Ourense) representando "Silycon Vallley" de Pepe Prada.
Sábado, día 6 de Agosto, (EXPRESS-arte: Música con sentimento latino a cargo de CANERE-SON) seguido de TEATRO ARTESÁN de Sada (A Coruña)
representando "Melocotón en almibar " de Miguel Mihura.
Domingo, día 7 de Agosto (EXPRESS-arte: A voz e alma da copla :NINO POL (Riotorto) seguido do Grupo de teatro "O BORDELO" de Cervo representando:
"Querencia" de Francisco Piñeiro

sábado, 14 de agosto de 2010

O Bordelo pregoeiro das festas patronais 2010

CERVO .- Este ano as festas patronais de Cervo contarán cuns pregoeiros ben coñecidos e moi apreciados polas veciñas e veciños deste concello lucense: Os integrantes do grupo de teatro afeccionado O Bordelo.

Tras o éxito acadado na organización das tradicionais citas estivais das Veladas de Teatro no Souto e do orixinal proxecto EXPRESS-arte, que nos a finais do mes de xullo contou cunha media de 450 seguidores por día, os membros deste colectivo que leva doce anos ao servizo da cultura por toda Galicia poderán facer de profetas na súa terra asumindo a cita ineludible co pregón, que serve de pistoletazo de saída para as celebracións na honra de San Roque e de Nosa Señora a Virxe do Carme.

Aínda está por coñecer o programa definitivo das festas patronais da capital de Cervo –que será presentado na súa totalidade nas vindeiras datas- pero xa sabemos que o pregón terá lugar o venres 13 de agosto sobre as 19 horas, coincidindo coa celebración da Festa do Ovo Fritido.

Francisco Piñeiro, director de escena, actor e escritor, conta no seu haber con máis de setecentas representacións teatrais e xunto a súa dona Mª Paz Rodríguez Silva, e os actores Dolores Viamaonte Rey, Antonio González- Patoso, Xosé Vicente Mon e Xosé Manuel González- Copa contarán este ano coa responsabilidade de saír á escena non para ofrecer unha das súas divertidisima obras senón para pregoar as festas patronais do pobo no que residen

miércoles, 28 de julio de 2010

X Veladas de teatro no Souto e III EXPRESS-arte

O éxito de público asistente nos catro días programados fainos pensar que tanto EXPRESS-arte como as Veladas de Teatro no Souto xa están enraizados como alternativas culturais fixas nás noites de verán da Mariña Lucense.
Un promedio de catrocentas cincuenta personas por día
dá ánimos para seguir traballando desinteresadamen-
te polo ben da cultura.
Estamos moi agradecidos .

lunes, 7 de junio de 2010

III Edición de EXPRESS-arte



Os días 29,30, 31 de Xullo e o día 1 de Agosto , na Praza do Souto de Cervo volverá a abrirse a fiestra das oportunidades artísticas de EXPRESS-arte na súa III Edición, coincidindo coa celebración da X Edición das Veladas de Teatro .
Nesta festa das oportunidades caben todas aquelas personas capaces de subirse a un escenario co fin de disfrutar facendo o que artísticamante sempre lle apeteceu realizar : cantar, contar contos, parrafadas, mimos, monólogos, tocar instrumentos, maxia, ... etc. Para elo, de forma totalmente gratuita, a organización pon a disposición dos participantes un escenario equipado con iluminación e son axeitados durante un tempo máximo de media hora cun promedio de aforo de catrocentas personas diarias que son as que veñen asistindo ás Veladas de Teatro nas ultimas edicións.
Tendo en conta os satisfactorios resultados das duas edicións anteriores confiase en que EXPRESS-arte 2010 sexa a proba definitiva para consolidar esta cita como outra alternativa cultural máis a ter en conta nos veráns da Mariña.
Para máis información e inscripción enviar e-mail a franpigon@hotmail.com ou consultar
Blogspot Bordelo Cervo.

martes, 16 de marzo de 2010

O Bordelo, breve historial


DOCE ANOS Ó SERVIZO DA CULTURA POR TODA GALICIA e Asturias


OBRAS REPRESENTADAS
2009.-O ESPELLO DO PRESTAMISTA Tribulacións sobor da crise económica, hipotecas hoxe , na emigración e na Idade Media. Cambiamos de muiñeiro pero seguimos tendo patrón.
2008.-R.I.P. MARANDAINA Premio á mellor obra entre os 27 participantes no IX CICLO “DOMiNGOS A ESCENA” Caranza, Ferrol Búsqueda do equilibrio territorial,social e personal (contra violencia de xénero) Recuperación Integral dos Pobos e aldeas Respecto da Industria pola Paisaxe Respecto, Igualdade e Paz.
2007.– O MARIÑÁN Premio especial do público e Premio ó mellor actor na IV Mostra de Sada Urbanizacións agresivas, cambio climático e memoria histórica.
2006.-ANISOCORIA Superación da muller ante unha separación matrimonial.
2005.-”KHATARSIS” 3º Premio Daniel Cortezón Dificultades para conseguir vivenda. Conviencia en parella.




2004.-PLÁTICA SISUAL Problemática do abandono dos vellos, alternativa ós asilos.
2003.– TRÉBEDES SEN LUME 4º Premio Daniel Cortezón A dictadura dos fillos sobre os pais. A familia, a naturaza e o respecto ás personas maiores.
2002.– RELAX-TOTAL A filosofía da vida e a supervivencia na Galicia profunda.
2001.– CAMBADELAS 3º Premio Laxeteatro As hipotecas e as súas consecuencias.
2000.– NA ENCRUCILLADA Os conflictos bélicos como resultado dos intereses das potencias mundiais.
1998.– ANDAR Á COMENENCIA O caciquismo e os políticos deshonestos.

Quintana de vivos, anguria dos orfos



“Quintana de vivos, anguria dos orfos”,escrita por Francisco Piñeiro e estreado o día 5 de xaneiro en Cervo.
Esta nova comedia dunha duración de noventa minutos sen interrupción amosa unha visión satírico-cómica da orfandade que padecen os nosos eidos e os nosos hortos. Non queremos polemizar nin atopar solucións milagreiras, tan só agardamos que neste Ano Xacobeo do 2010 peregrinemos a Santiago para xunta-los esforzos e administra-los auxilios que o noso agro precisa para que resucite e floreza na Quintana dos vivos.

jueves, 23 de julio de 2009

Collidos da man


Definitivamente as Veladas de teatro no Souto de Cervo camiñan cara a súa décima edición levando da man á II Edición de Express-arte. Na primeira semana de agosto os dous eventos se funden nunha aperta creativa conformando unha cita obrigada para tódolos amantes da creatividade artística.
Este ano o cartel teatral comparteno grupos de Asturias, Ferrol, Foz e o anfitrión, O Bordelo de Cervo. Para disfrutar!
E como aperitivo Express -arte presenta o seguinte p r o g r a m a:

XOVES, día 30 de xullo, (9,30 noite)
“AMOR CONXELADO”, sorprendente espectáculo literario-musical posto en escena por ADELI e SUSO.

VENRES , día 31 de xullo,(9,30noite)

“CANCIÓNS DE SEMPRE” na impresionante voz de JOSÉ LUIS RODRÍGUEZ , “o Rosino”,na compaña de grandes músicos de Viveiro, membros de “Escolma de Meus”

SÁBADO, día 1 de agosto (9,30 noite)

“ ESPECTÁCULO DE MAXIA” coa presenza do MAGO JOGE, único na Mariña.

DOMINGO, día 2 de agosto, (9,30 noite)

“MÚSICA INSTRUMENTAL” interpretada polo xovencísimo virtuoso do violín XABIER MAZAIRA

En caso de mal tempo as actuacións serán no auditorio da Casa do Concello.

jueves, 25 de junio de 2009

EXPRESS-arte

Click na imaxe para ler .
Aquela canción de taberna, aquel poema agochado, esa música que nunca foi liberada ou sinxelamente saber se vale a pena compartir ideas , iso é EXPRESS-arte.
Un xeito de facer agromar a cultura sumerxida, a que nunca lle demos a oportunidade de que os demais a sintan na nosa compaña.
Non se pretende proxectar a ninguén á fama, máis ben dar a oportunidade de realizar unha asignatura pendente, a posibilidade de facer realidade as pequenas ilusións que ,a miudo, soterramos porque ninguen nos empuxa a compartir.
A Praza do Souto, un recuncho agarimoso onde o respecto do público se convirte en arte, recibe cos brazos abertos a todos cantos desexan colocar unha pedra no mundo da creatividade cada primeiro fin de semana de Agosto . Benvidos!

lunes, 22 de junio de 2009

EXPRESS-arte 2009


O grupo de teatro O Bordelo, coñecedor das dificultades e das poucas oportunidades que atopan na Mariña aquelas personas creativas para dar a coñecer os seus traballos ,decidiu abrir unha pequena ventá chamada EXPRESS-arte que nesta SEGUNDA EDICIÓN se rexirá polas seguintes
BASES:
1.- Poderán participar de xeito individual ou colectivo aquelas personas
que desexen amosar o seu traballo artístico-creativo.
2.- O tempo máximo concedido será de 15-20 minutos
3.- As actuacións serán os días 30 e 31 de Xullo e os días 1e 2 de Agosto
na Praza do Souto de Cervo, no escenario habilitado para as IX VELADAS
NO SOUTO, antes das representacións teatrais establecidas.
4.- Para inscribirse : chamar os teléfonos 600717622 // 686423068 ou escribir un
e-mail a: franpigon@gmail.com antes do día 26 de Xullo
5.- Existirá unha comisión encargada de seleccionar os espectáculos.
6.- A organización encárgarase dos preparativos necesarios .

miércoles, 17 de junio de 2009

Representación en el teatro Jofre de Ferrol


O día 14 de Xuño, ás sete da tarde comezoua representación da peza "R.I.P Marandaina" no teatro Jofre, o buque insignia do teatro e da cultura ferrolá. Os latidos do corazón do Jofre presaxiaban a bo esperanza pois abrira as súas portas para dar unha aperta ó teatro afeccionado , é dicir, tender unha man amiga para camiñar xuntos. Ese é o mellor premio que podiamos compartir
Así, envolto nesa aura máxica, recibiu o maxestuoso Jofre a un público ansioso de compartir emocións cos actores do grupo “O Bordelo” e , nun acto sublime
de mútua entrega polas dúas partes chegamos ó remate da peza coa satisfación de botar xuntos case duas horas.
Para rematar o sr alcalde de Ferrol entregounos o diploma como gñadores do premio do Público no IX Ciclo Domingos a Escena , en Caranza, Ferrol.

jueves, 30 de abril de 2009

Un soño colectivo


O público, elemento motriz do teatro, emitiu veredicto. O cadro de actores do grupo de teatro "O Bordelo" de Cervo recibe agradecido o premio outorgado pero non se lle esquece que o mérito é de todos , da excelente organización, do traballo de tódalas compañías participantes e do marabilloso público de Caranza, porque o teatro é un soño colectivo.
O ciclo "Domingos a Escena" no é un simple espectáculo senón unha universidade que contribue a desmitificar, a democratiza-la cultura e mantén a firme vontade de colaborar na edificación dun país máis xusto por iso ben pode Caranza , Ferrolterra e toda Galiza , aplaudi-los esforzos e a tenacidade dos membros de Max Teatro e o patrocinio de tódalas institucións que arroupan o evento. Manter vivo o lume do teatro afeccionado é algo máis que un acto de valentía, ven a ser unha inversión en capital humano,en concienciación colectiva, porque o teatro afeccionado enraiza no pobo ,sénteo de seu, coma un fillo ó que abraza , que regresa ás súas entranas. Dicía Lorca:" O teatro é un instrumento que se lle roubou ó pobo".
Os grupos e compañías participantes ,viveiros de creatividade,sen recursos, pero capaces de convertir o humilde en sublime, capaces de darlle valor ó noso , merecen compartir con " O Bordelo" este premio e moitos máis. Todos xuntos, e non por separado, ergueremos ó teatro para liberalo definitivamente dese agridoce mel de melancolía e fatalismo co que adoitan presentalo e que tan maxistralmente nolo deixou debuxado Castelao.
E o público, ese púcaro de esencias do que todo sae e a onde todo volta, coa súa participación demostrou en Caranza aprezo, respecto e amor polo traballo de todos.
O público agradece unha aprendizaxe dinámica, aprende a correxirse mentres se divirte , como dicía Moliére, e agradece que conecten con el porque se identifica, se idealiza porque de " médico, artista e louco, todos temos un pouco".
Parabéns a todos! Que non esmoreza o lume de Caranza e sirva de exemplo e de bandeira.
Recibide os máis sinceiros aplausos de tódolos membros do grupo " O Bordelo" de Cervo , un colectivo que por moitos premios que reciba continuará sempre abordelando humildemente do carro do teatro afeccionado e da cultura en xeral onde queira que o precisen tal como leva feito dende a súa fundación hai once anos por ser ese é o seu obxectivo colectivo e o de quen isto escribe en nome de todos.
Francisco Piñeiro, autor e director do grupo.

martes, 21 de abril de 2009

Premio " IX Ciclo Domingos a Escena " Caranza, Ferrol


Outra vez estamos de noraboa! O público agradece o noso teatro e fainos merecedor doutro premio. Neste caso outorgounos o primeiro posto entre os 27 compañías de teatro que participaron no “IX Ciclo Domingos a Escena” dende o 21 de septembro do 2008 ata o 19 de Abril do 2009, no Centro Cívico de Caranza , en Ferrol, coordinado por Max Teatro e co patrocinio do Concello de Ferrol , Diputación Provincial da Coruña e da Xunta de Galicia.
Un total de 5800 espectadores , cunha media de 216 por sesión , presenciaron pezas de Arniches, Woody Allen, Shakespeare,Mihura, Roberto Vidal Bolaño e Manuel Lourenzo, entre outros , escenificadas por grupos escollidos nas catro provincias galegas.
Nós representamos o día 22 de Marzo a súa peza “R.I.P. Marandaina” ,orixinal do noso director Francisco Piñeiro, pola que recibimos a maior puntuación outorgada polo público nas votacións que se realizaron ó remate de cada sesión.
O premio consistente en 1500 euros en metálico vén acompañado da oportunidade de representar a obra vencedora no Teatro Jofre de Ferrol , acto que terá lugar o vindeiro 10 de Maio.
O cadro de actores de “O Bordelo” formado por Mª Paz Rodríguez Silva, Dolores Viamonte Rey, Antonio González-Patoso, Xosé Vicente Mon Canoura, Xosé Manuel González-Copa e Francisco Piñeiro recibirá con satisfación este galardón que desexa compartir con todos cantos apoiaron os seus traballos nos once anos de existencia do grupo O Bordelo. Grazas a todos.

lunes, 16 de marzo de 2009

A TRES BANDAS


Os membros do grupo de teatro "O Bordelo" proseguimos coas actuacións cada fin de semana por onde queira que nos chaman. As súas pezas "O Mariñán", "R.I.P. Marandaina" e " O espello do prestamista" son solicitadas de forma aleatoria o cal leva consigo unha actualización constante das mesmas para poder xogar a tres bandas. " O Mariñán"
estivo en Brión, co Ciclo Pedra do Moucho; "R.I.P. Marandaina vai este domingo a Caranza (Ferrol) para participar nos Domingos a Escena mentres "o Espello do prestamista" vai facendo a súa rodaxe en Cangas de Foz, casa cultura San Cibrao e a gora irá a Barreiros,Sta Mariña de Ferrol, etc.. A tempada é moi completa polo que agradecemmos públicamente a confianza depositada en nós. Moi agradecidos.
Sabemos de moitos seguidores que se desprazan bastantes kilómetros para volver a ver as nosas pezas; para nós é un orgullo e un pracer enviarlles a axenda;todos aqueles que o desexen non teñen máis que solicitala por e-mail. Servirémolos gustosamente

martes, 6 de enero de 2009

"O espello do prestamista"

Un ano máis, e van once, o grupo de teatro O Bordelo cumpriu co costume de estrear unha peza o día cinco de xaneiro, noite de reis, noite de ilusión e de esperanza no Auditotio de Sargadelos, onde acudiron xentes de toda a Mariña e fóra dela para seguir dándonos o seu apoio, o cal agradecemos pois os seus aplausos son o noso alimento.Ilusión e esperanza son sementes que poñemos cando queremos realizar unha nova montaxe. Debido ós múltiples compromisos que o Bordelo adquiriu no ano do seu décimo aniversario foi especialmente difícil chegar a estas datas e ter preparada esta nova representación. “ O espello do prestamista”, interpretada por Dolores Viamonte Rey, María Paz Rodríguez Silva, Antonio Glez- Patoso, Xosé Manuel Glez- Copa e Francisco Piñeiro, autor e director da peza, quere ser unha visión satírico- popular da crise económica actual.



Gotiñas de retranca e de filosofía galega que xa veñen de volta dos ríos da historia enchoupadas de recordos dos castelos ou das tráxicas historias da emigración que,
queiramos ou non, desembocan neste turbulento mar actual onde os sentimentos afogan e nos facemos escravos do gran capital.
Cambiamos de muiñeiro pero seguimos tendo patróns e o carto vai e o carto vén pero canto máis se vai menos se ten



Chegou a hora de dicir Basta!
A xente honrada, que se esforza e que traballa comeza a estar moi farta de vivir sempre empeñada, de que recorten sempre a súa manta e non poidan tapa-los pés nin chegar a fin de mes.
Teatro esencialmente popular en clave de humor (enraizado na Mariña Lucense



Defensa da idiosincrasia particular dos pobos e das súas culturas.


domingo, 14 de septiembre de 2008

HISTORIA DO TEATRO AFECCIONADO NA MARIÑA LUCENSE


Certamente a Mariña Luguesa é terra aberta; aberta ás ideas, abertas as xuntanzas,.
Á Mariña convén entendela. Os seus aires de mar sementan recordos na terra e cos recordos escribímo-la historia dos pobos, das vilas e aldeas, a historia das verbas, do esforzo xigante, da xente que espera, das bágoas e festas, de todo aquilo que á alma alimenta e un pobo agradece si se garda “in memoriam” para que non esmoreza.

Coa excusa do noso décimo aniversario, o noso director Francisco Piñeiro pretende sacar adiante un libro no que leva tempo traballando: A HISTORIA DO TEATRO AFECCIONADO NA MARIÑA LUCENSE.
Contribuir a mingua-lo esquecemento é o principal obxectivo deste traballo; intentar rescatar das gadoupas dos tempos murchos aqueles esforzos escénicos dos mariñáns que, con moita imaxinación, moito ánimo e poucos recursos foron capaces de consolidar ese soño colectivo que é o teatro porque “un a un somos mortais, pero xuntos somos eternos”
Estas páxinas tamén serán un froito colectivo. Páxinas escritas pola amizade e o altruísmo de moitos colaboradores espallados dentro e fóra das fronteiras dese escenario azul e verde que conforman o mar coas serras do Xistral e da Corda. Para todos eles vai por diante o máis sinceiro agradecemento. Xuntos entendemos que o teatro reflicte a imaxe dos pobos, que un pobo sen teatro é un pobo sen verdade. Falamos do teatro, sen adxectivos, sen comparacións, daquel que agroma inxenuo, namorado, sen pretensión de méritos nin medallas; aquel que á maioría dos “entendidos” non lles cadra na súa vara de medir por ter esquecido o que Lope de Vega deixou dito: “ ..el pueblo es el único que dicta las leyes del teatro”.. porque “..el teatro es un instrumento robado al pueblo”, confirmou García Lorca, e ..”.. todo o que conecte co pobo ten dinidade”…según Blanco Amor.
Por todo elo , entendemos que a súa historia ben merece que non se perda.

E para que non quede nigún esforzo sen relatar queremos pidir desde este blog a colaboración de todos os que saiban de algo referente o teatro que se fixo ou que oiu. Agradeceriamos que se puxeran en contacto con nós, a través do correo franpigon@hotmail.com ou dos teléfonos que están á marxe. Moi agradecidos

domingo, 24 de agosto de 2008

EXPRESS-arte 2008

A primeira edicion de Express-arte foi da man das VIII Veladas de teatro e cumpriu os seus obxectivos: abrir unha xaneliña para asomar inquedanzas artísticas
As actuacións foron seleccionadas baixo dous criterios: a lembranza dos ex-membros do grupo "O Bordelo", no seu décimo ano, e as oportunidades ós artistas locais

O mércores representaron "Apertas de airío": Rubén Fernández, Carmen Polo, Santiago Alvarez e Pilar Rodríguez. O día 31 ,emocionou ó público o cantautor Ramiro Chaves















O venres,día 1 de agosto, por mor de problemas coa voz non puido actuar Luis Rodríguez para lembrarnos a Pucho Boedo e nunha improvisación de Juan José Pardo coa súa filla Ainoa resolvémola situación

O día 2, sábado, Mª Luján Ramos Ben, Ramón Luis Bernardo Insua e Antón-Xosé Díaz Valle reestrenaron "Saloucos" a peza embrionaria do grupo "O Bordelo" ,no contexto do asunto "Cason".






E por último, o domingo, Juan José Pardo e a súa filla Ainoa , como ex- membros do Bordelo puxeron en escena "O diploma".

A idea de EXPRESS- arte foi aplaudida e queda sementada .








Grazas a todos!


O domingo , dia 3 de agosto, remataron as VIII Veladas de Teatro no Souto. Foron cinco noites nas que o pobo de Cervo , xunto a moitos amantes do teatro afeccionado chegados, adrede , dende distintos lugares da provincia , deron unha lección de participación e respecto polo traballo dos grupos participantes, os cales corresponderon cunha entrega admirable.

Cunha participación dun promedio de máis de catrocentas personas diarias ,as Veladas de Teatro no Souto despuntan coma unha das ofertas culturais a elexir nas noites de agosto da Mariña Lucense.

"A beleza do lugar, a acústica, a participación e o respecto polo teatro confluen aquí" afirmou Manuel Lourenzo , quen nos visitou por sorpresa e a súa compaña foi un dos mellores agasallos para o grupo de teatro " O Bordelo" no seu décimo aniversario.

Moitas grazas a todos.



viernes, 11 de julio de 2008

VIII Veladas de Teatro no Souto



Os días 30 e 31 de xullo e os días 1, 2, e 3 de Agosto deste ano 2008 celebraremos as VIII Veladas de teatro na Praza do Souto en Cervo. Este ano , por ser o décimo aniversario do grupo organizador "O Bordelo" teremos dúas novidades: haberá cinco días e completaremo-la programación coa primeira edición de EXPRESS-arte.


A programación , coma tódolos anos, ríxese pola diversidade e pola non repetición de grupos; virán de Vigo, "Atlántida-Matamá" ;de Melide , "Charamela"; da nosa comarca da Mariña: "Raiolas" de Alfoz ; do noso Concello "Ardora" e pechará o grupo anfitrión "O Bordelo".

lunes, 23 de junio de 2008

EXPRESS -arte 2008


No ano do seu décimo aniversario, o grupo de teatro O Bordelo, coñecedor das dificultades e das poucas oportunidades que atopan na Mariña aquelas personas creativas para dar a coñecer os seus traballos ,decidiu abrir unha pequena ventá chamada EXPRESS-arte que se rexirá polas seguintes BASES:
1.- Poderán participar de xeito individual ou colectivo
aquelas personas que desexen amosar o seu traballo
artístico-creativo.
2.- O tempo máximo concedido será de 15 minutos.
3.- As actuacións serán os días 30 e 31 de Xullo e os días 1
2 e 3 de Agosto na Praza do Souto de Cervo, no
escenario habilitado para as VIII VELADAS NO
SOUTO, antes das representacións teatrais establecidas.
4.- Para inscribirse : chamar os teléfonos de contacto deste
blog ou escribir un e-mail a: franpigon@gmail.com
5.- Existirá unha comisión encargada de seleccionar os
espectáculos.
6.- A organización encárgarase dos preparativos necesarios .

miércoles, 4 de junio de 2008

VIDEO X ANIVERSARIO