lunes, 5 de mayo de 2008

DEZ ANOS NOS ESCENARIOS GALEGOS E ASTURIANOS



Teatro “O Bordelo
DEZ ANOS ENRIBA DOS ESCENARIOS

Este ano dous mil oito está cargado de recordos para o colectivo teatral “O Bordelo” de Cervo . Dez anos como grupo estable de teatro afeccionado dan moito que contar.
O seu nome Bordelo significa axuda. Cando un carro non podía saír dun atranco ,o reforzo que se lle poñía diante para axudar a tirar del era o bordelo. No ano mil novecentos noventa e oito , despois de varias experiencias teatrais no Auditorio de Sargadelos , créase o colectivo cervense de forma estable , integrado na Asociación Cultural Airitos do Xunco, para abordelar ó carro do teatro afeccionado na Mariña.
Dende aquela pasaron dez anos, máis de trescentas cincuenta actuacións espalladas por toda Galiza e polo occidente asturiano, nas que colaboraron un total de vintecatro actores representando dez obras : “Andar á comenencia”, Na encrucillada”, “Cambadelas”, “Relax- Total”, “Plática –sisual” “Trébedes sen lume”, “Katharsis” “Anisocoria”, “ O Mariñán” e o seu ùltimo traballo titulado “ R.I. P “(con sabor a marandaina), todas escritas e dirixidas por Francisco Piñeiro González.
Facendo balance deste decenio escénico lembran a tódolos ex-membros, multitude de anéctodas, moitas horas de esforzo e dedicación, a evolución espectacular do número de espectadores e das citas de teatro popular , pero sobor de todo decátanse que a súa andaina serviu para espertar e apoiar a iniciativa doutros grupos e actividades culturais na Mariña.

Suman máis de trescentas cincuenta representacións e varios premios.

Séntense honrados por ter apadriñado “A Adala” , de Fazouro cos que agora comparten retos escénicos na “Agrupación Teatral Francisco Piñeiro” dentro do teatro histórico, audiovisuais dramatizados, “Sketch”, revistas orais, etc ; disfrutan ó ver medrar o colectivo “Ardora” de San Cibrao, dirixido por María Paz Rodríguez , quen ademais de ser actriz do Bordelo, realiza tódalas xestións administrativas en colaboración con Xosé Manuel González- Copa; están moi satisfeitos da excelente evolución e consolidación das “Veladas de Teatro no Souto” e alédanse de poder compartir escenarios con outros grupos estables da Mariña : “Raiolas “ de Alfoz, , “Axóuxere “ de Vilaronte, e con todos os colectivos que de xeito esporádico aportan o seu esforzo co fin de contribuir para que actividade teatral sexa unha alternativa cultural máis a ter en conta.

Como xa é tradición ,” O Bordelo” agasalla a tódolos os amantes da escena cunha nova peza a tarde- noite de Reis.
A estrea da súa dècima peza será o comezo duna serie de proxectos previstos a realizar ó longo deste ano especial. Entre eles xa nos poden adiantar que andan na percura de apoios para a edición dun libro recopilatorio de todas as súas obras e vivencias no que , entre outros segredos descubriremos o conflictivo bautismo de “O Bordelo por ser fillo dunha revolución ; realizarán exposicións fotográficas e nas Veladas do Souto presentarán varias novidades como a creación de EXPRESS-arte , unha ventá aberta que permita ós xoves da Mariña manifestar a súa creatividade .
Manterán en carteleira “O Mariñán”, “Anisocoria”, etc. ó tempo que ofertarán unha recopilación de teatro escollido baixo o nome de “ Dez retrincos “.
O teatro enraizado no pobo, con temas de actualidade é unha das claves da súa conexión co público. “Nunca pretendemos realizar grandes obras de teatro senón que a xente pase uns momentos agradables , pero baixo a apariencia da broma decimos as verdades máis serias”- afirman .

Agradecen o apoio recibido dos responsables do seu berce, o Auditorio de Sargadelos, o de tódolos veciños de Cervo , ó das institucións e medios de comunicación e sobor de todo ós moitos seguidores que teñen por onde queira de vaian.
Para contactar Franpigon@hotmail.com
























No hay comentarios: