jueves, 30 de abril de 2009
Un soño colectivo
O público, elemento motriz do teatro, emitiu veredicto. O cadro de actores do grupo de teatro "O Bordelo" de Cervo recibe agradecido o premio outorgado pero non se lle esquece que o mérito é de todos , da excelente organización, do traballo de tódalas compañías participantes e do marabilloso público de Caranza, porque o teatro é un soño colectivo.
O ciclo "Domingos a Escena" no é un simple espectáculo senón unha universidade que contribue a desmitificar, a democratiza-la cultura e mantén a firme vontade de colaborar na edificación dun país máis xusto por iso ben pode Caranza , Ferrolterra e toda Galiza , aplaudi-los esforzos e a tenacidade dos membros de Max Teatro e o patrocinio de tódalas institucións que arroupan o evento. Manter vivo o lume do teatro afeccionado é algo máis que un acto de valentía, ven a ser unha inversión en capital humano,en concienciación colectiva, porque o teatro afeccionado enraiza no pobo ,sénteo de seu, coma un fillo ó que abraza , que regresa ás súas entranas. Dicía Lorca:" O teatro é un instrumento que se lle roubou ó pobo".
Os grupos e compañías participantes ,viveiros de creatividade,sen recursos, pero capaces de convertir o humilde en sublime, capaces de darlle valor ó noso , merecen compartir con " O Bordelo" este premio e moitos máis. Todos xuntos, e non por separado, ergueremos ó teatro para liberalo definitivamente dese agridoce mel de melancolía e fatalismo co que adoitan presentalo e que tan maxistralmente nolo deixou debuxado Castelao.
E o público, ese púcaro de esencias do que todo sae e a onde todo volta, coa súa participación demostrou en Caranza aprezo, respecto e amor polo traballo de todos.
O público agradece unha aprendizaxe dinámica, aprende a correxirse mentres se divirte , como dicía Moliére, e agradece que conecten con el porque se identifica, se idealiza porque de " médico, artista e louco, todos temos un pouco".
Parabéns a todos! Que non esmoreza o lume de Caranza e sirva de exemplo e de bandeira.
Recibide os máis sinceiros aplausos de tódolos membros do grupo " O Bordelo" de Cervo , un colectivo que por moitos premios que reciba continuará sempre abordelando humildemente do carro do teatro afeccionado e da cultura en xeral onde queira que o precisen tal como leva feito dende a súa fundación hai once anos por ser ese é o seu obxectivo colectivo e o de quen isto escribe en nome de todos.
Francisco Piñeiro, autor e director do grupo.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario