martes, 6 de enero de 2009

"O espello do prestamista"

Un ano máis, e van once, o grupo de teatro O Bordelo cumpriu co costume de estrear unha peza o día cinco de xaneiro, noite de reis, noite de ilusión e de esperanza no Auditotio de Sargadelos, onde acudiron xentes de toda a Mariña e fóra dela para seguir dándonos o seu apoio, o cal agradecemos pois os seus aplausos son o noso alimento.Ilusión e esperanza son sementes que poñemos cando queremos realizar unha nova montaxe. Debido ós múltiples compromisos que o Bordelo adquiriu no ano do seu décimo aniversario foi especialmente difícil chegar a estas datas e ter preparada esta nova representación. “ O espello do prestamista”, interpretada por Dolores Viamonte Rey, María Paz Rodríguez Silva, Antonio Glez- Patoso, Xosé Manuel Glez- Copa e Francisco Piñeiro, autor e director da peza, quere ser unha visión satírico- popular da crise económica actual.



Gotiñas de retranca e de filosofía galega que xa veñen de volta dos ríos da historia enchoupadas de recordos dos castelos ou das tráxicas historias da emigración que,
queiramos ou non, desembocan neste turbulento mar actual onde os sentimentos afogan e nos facemos escravos do gran capital.
Cambiamos de muiñeiro pero seguimos tendo patróns e o carto vai e o carto vén pero canto máis se vai menos se ten



Chegou a hora de dicir Basta!
A xente honrada, que se esforza e que traballa comeza a estar moi farta de vivir sempre empeñada, de que recorten sempre a súa manta e non poidan tapa-los pés nin chegar a fin de mes.
Teatro esencialmente popular en clave de humor (enraizado na Mariña Lucense



Defensa da idiosincrasia particular dos pobos e das súas culturas.


domingo, 14 de septiembre de 2008

HISTORIA DO TEATRO AFECCIONADO NA MARIÑA LUCENSE


Certamente a Mariña Luguesa é terra aberta; aberta ás ideas, abertas as xuntanzas,.
Á Mariña convén entendela. Os seus aires de mar sementan recordos na terra e cos recordos escribímo-la historia dos pobos, das vilas e aldeas, a historia das verbas, do esforzo xigante, da xente que espera, das bágoas e festas, de todo aquilo que á alma alimenta e un pobo agradece si se garda “in memoriam” para que non esmoreza.

Coa excusa do noso décimo aniversario, o noso director Francisco Piñeiro pretende sacar adiante un libro no que leva tempo traballando: A HISTORIA DO TEATRO AFECCIONADO NA MARIÑA LUCENSE.
Contribuir a mingua-lo esquecemento é o principal obxectivo deste traballo; intentar rescatar das gadoupas dos tempos murchos aqueles esforzos escénicos dos mariñáns que, con moita imaxinación, moito ánimo e poucos recursos foron capaces de consolidar ese soño colectivo que é o teatro porque “un a un somos mortais, pero xuntos somos eternos”
Estas páxinas tamén serán un froito colectivo. Páxinas escritas pola amizade e o altruísmo de moitos colaboradores espallados dentro e fóra das fronteiras dese escenario azul e verde que conforman o mar coas serras do Xistral e da Corda. Para todos eles vai por diante o máis sinceiro agradecemento. Xuntos entendemos que o teatro reflicte a imaxe dos pobos, que un pobo sen teatro é un pobo sen verdade. Falamos do teatro, sen adxectivos, sen comparacións, daquel que agroma inxenuo, namorado, sen pretensión de méritos nin medallas; aquel que á maioría dos “entendidos” non lles cadra na súa vara de medir por ter esquecido o que Lope de Vega deixou dito: “ ..el pueblo es el único que dicta las leyes del teatro”.. porque “..el teatro es un instrumento robado al pueblo”, confirmou García Lorca, e ..”.. todo o que conecte co pobo ten dinidade”…según Blanco Amor.
Por todo elo , entendemos que a súa historia ben merece que non se perda.

E para que non quede nigún esforzo sen relatar queremos pidir desde este blog a colaboración de todos os que saiban de algo referente o teatro que se fixo ou que oiu. Agradeceriamos que se puxeran en contacto con nós, a través do correo franpigon@hotmail.com ou dos teléfonos que están á marxe. Moi agradecidos

domingo, 24 de agosto de 2008

EXPRESS-arte 2008

A primeira edicion de Express-arte foi da man das VIII Veladas de teatro e cumpriu os seus obxectivos: abrir unha xaneliña para asomar inquedanzas artísticas
As actuacións foron seleccionadas baixo dous criterios: a lembranza dos ex-membros do grupo "O Bordelo", no seu décimo ano, e as oportunidades ós artistas locais

O mércores representaron "Apertas de airío": Rubén Fernández, Carmen Polo, Santiago Alvarez e Pilar Rodríguez. O día 31 ,emocionou ó público o cantautor Ramiro Chaves















O venres,día 1 de agosto, por mor de problemas coa voz non puido actuar Luis Rodríguez para lembrarnos a Pucho Boedo e nunha improvisación de Juan José Pardo coa súa filla Ainoa resolvémola situación

O día 2, sábado, Mª Luján Ramos Ben, Ramón Luis Bernardo Insua e Antón-Xosé Díaz Valle reestrenaron "Saloucos" a peza embrionaria do grupo "O Bordelo" ,no contexto do asunto "Cason".






E por último, o domingo, Juan José Pardo e a súa filla Ainoa , como ex- membros do Bordelo puxeron en escena "O diploma".

A idea de EXPRESS- arte foi aplaudida e queda sementada .








Grazas a todos!


O domingo , dia 3 de agosto, remataron as VIII Veladas de Teatro no Souto. Foron cinco noites nas que o pobo de Cervo , xunto a moitos amantes do teatro afeccionado chegados, adrede , dende distintos lugares da provincia , deron unha lección de participación e respecto polo traballo dos grupos participantes, os cales corresponderon cunha entrega admirable.

Cunha participación dun promedio de máis de catrocentas personas diarias ,as Veladas de Teatro no Souto despuntan coma unha das ofertas culturais a elexir nas noites de agosto da Mariña Lucense.

"A beleza do lugar, a acústica, a participación e o respecto polo teatro confluen aquí" afirmou Manuel Lourenzo , quen nos visitou por sorpresa e a súa compaña foi un dos mellores agasallos para o grupo de teatro " O Bordelo" no seu décimo aniversario.

Moitas grazas a todos.



viernes, 11 de julio de 2008

VIII Veladas de Teatro no Souto



Os días 30 e 31 de xullo e os días 1, 2, e 3 de Agosto deste ano 2008 celebraremos as VIII Veladas de teatro na Praza do Souto en Cervo. Este ano , por ser o décimo aniversario do grupo organizador "O Bordelo" teremos dúas novidades: haberá cinco días e completaremo-la programación coa primeira edición de EXPRESS-arte.


A programación , coma tódolos anos, ríxese pola diversidade e pola non repetición de grupos; virán de Vigo, "Atlántida-Matamá" ;de Melide , "Charamela"; da nosa comarca da Mariña: "Raiolas" de Alfoz ; do noso Concello "Ardora" e pechará o grupo anfitrión "O Bordelo".

lunes, 23 de junio de 2008

EXPRESS -arte 2008


No ano do seu décimo aniversario, o grupo de teatro O Bordelo, coñecedor das dificultades e das poucas oportunidades que atopan na Mariña aquelas personas creativas para dar a coñecer os seus traballos ,decidiu abrir unha pequena ventá chamada EXPRESS-arte que se rexirá polas seguintes BASES:
1.- Poderán participar de xeito individual ou colectivo
aquelas personas que desexen amosar o seu traballo
artístico-creativo.
2.- O tempo máximo concedido será de 15 minutos.
3.- As actuacións serán os días 30 e 31 de Xullo e os días 1
2 e 3 de Agosto na Praza do Souto de Cervo, no
escenario habilitado para as VIII VELADAS NO
SOUTO, antes das representacións teatrais establecidas.
4.- Para inscribirse : chamar os teléfonos de contacto deste
blog ou escribir un e-mail a: franpigon@gmail.com
5.- Existirá unha comisión encargada de seleccionar os
espectáculos.
6.- A organización encárgarase dos preparativos necesarios .

miércoles, 4 de junio de 2008

VIDEO X ANIVERSARIO