jueves, 30 de abril de 2009

Un soño colectivo


O público, elemento motriz do teatro, emitiu veredicto. O cadro de actores do grupo de teatro "O Bordelo" de Cervo recibe agradecido o premio outorgado pero non se lle esquece que o mérito é de todos , da excelente organización, do traballo de tódalas compañías participantes e do marabilloso público de Caranza, porque o teatro é un soño colectivo.
O ciclo "Domingos a Escena" no é un simple espectáculo senón unha universidade que contribue a desmitificar, a democratiza-la cultura e mantén a firme vontade de colaborar na edificación dun país máis xusto por iso ben pode Caranza , Ferrolterra e toda Galiza , aplaudi-los esforzos e a tenacidade dos membros de Max Teatro e o patrocinio de tódalas institucións que arroupan o evento. Manter vivo o lume do teatro afeccionado é algo máis que un acto de valentía, ven a ser unha inversión en capital humano,en concienciación colectiva, porque o teatro afeccionado enraiza no pobo ,sénteo de seu, coma un fillo ó que abraza , que regresa ás súas entranas. Dicía Lorca:" O teatro é un instrumento que se lle roubou ó pobo".
Os grupos e compañías participantes ,viveiros de creatividade,sen recursos, pero capaces de convertir o humilde en sublime, capaces de darlle valor ó noso , merecen compartir con " O Bordelo" este premio e moitos máis. Todos xuntos, e non por separado, ergueremos ó teatro para liberalo definitivamente dese agridoce mel de melancolía e fatalismo co que adoitan presentalo e que tan maxistralmente nolo deixou debuxado Castelao.
E o público, ese púcaro de esencias do que todo sae e a onde todo volta, coa súa participación demostrou en Caranza aprezo, respecto e amor polo traballo de todos.
O público agradece unha aprendizaxe dinámica, aprende a correxirse mentres se divirte , como dicía Moliére, e agradece que conecten con el porque se identifica, se idealiza porque de " médico, artista e louco, todos temos un pouco".
Parabéns a todos! Que non esmoreza o lume de Caranza e sirva de exemplo e de bandeira.
Recibide os máis sinceiros aplausos de tódolos membros do grupo " O Bordelo" de Cervo , un colectivo que por moitos premios que reciba continuará sempre abordelando humildemente do carro do teatro afeccionado e da cultura en xeral onde queira que o precisen tal como leva feito dende a súa fundación hai once anos por ser ese é o seu obxectivo colectivo e o de quen isto escribe en nome de todos.
Francisco Piñeiro, autor e director do grupo.

martes, 21 de abril de 2009

Premio " IX Ciclo Domingos a Escena " Caranza, Ferrol


Outra vez estamos de noraboa! O público agradece o noso teatro e fainos merecedor doutro premio. Neste caso outorgounos o primeiro posto entre os 27 compañías de teatro que participaron no “IX Ciclo Domingos a Escena” dende o 21 de septembro do 2008 ata o 19 de Abril do 2009, no Centro Cívico de Caranza , en Ferrol, coordinado por Max Teatro e co patrocinio do Concello de Ferrol , Diputación Provincial da Coruña e da Xunta de Galicia.
Un total de 5800 espectadores , cunha media de 216 por sesión , presenciaron pezas de Arniches, Woody Allen, Shakespeare,Mihura, Roberto Vidal Bolaño e Manuel Lourenzo, entre outros , escenificadas por grupos escollidos nas catro provincias galegas.
Nós representamos o día 22 de Marzo a súa peza “R.I.P. Marandaina” ,orixinal do noso director Francisco Piñeiro, pola que recibimos a maior puntuación outorgada polo público nas votacións que se realizaron ó remate de cada sesión.
O premio consistente en 1500 euros en metálico vén acompañado da oportunidade de representar a obra vencedora no Teatro Jofre de Ferrol , acto que terá lugar o vindeiro 10 de Maio.
O cadro de actores de “O Bordelo” formado por Mª Paz Rodríguez Silva, Dolores Viamonte Rey, Antonio González-Patoso, Xosé Vicente Mon Canoura, Xosé Manuel González-Copa e Francisco Piñeiro recibirá con satisfación este galardón que desexa compartir con todos cantos apoiaron os seus traballos nos once anos de existencia do grupo O Bordelo. Grazas a todos.

lunes, 16 de marzo de 2009

A TRES BANDAS


Os membros do grupo de teatro "O Bordelo" proseguimos coas actuacións cada fin de semana por onde queira que nos chaman. As súas pezas "O Mariñán", "R.I.P. Marandaina" e " O espello do prestamista" son solicitadas de forma aleatoria o cal leva consigo unha actualización constante das mesmas para poder xogar a tres bandas. " O Mariñán"
estivo en Brión, co Ciclo Pedra do Moucho; "R.I.P. Marandaina vai este domingo a Caranza (Ferrol) para participar nos Domingos a Escena mentres "o Espello do prestamista" vai facendo a súa rodaxe en Cangas de Foz, casa cultura San Cibrao e a gora irá a Barreiros,Sta Mariña de Ferrol, etc.. A tempada é moi completa polo que agradecemmos públicamente a confianza depositada en nós. Moi agradecidos.
Sabemos de moitos seguidores que se desprazan bastantes kilómetros para volver a ver as nosas pezas; para nós é un orgullo e un pracer enviarlles a axenda;todos aqueles que o desexen non teñen máis que solicitala por e-mail. Servirémolos gustosamente

martes, 6 de enero de 2009

"O espello do prestamista"

Un ano máis, e van once, o grupo de teatro O Bordelo cumpriu co costume de estrear unha peza o día cinco de xaneiro, noite de reis, noite de ilusión e de esperanza no Auditotio de Sargadelos, onde acudiron xentes de toda a Mariña e fóra dela para seguir dándonos o seu apoio, o cal agradecemos pois os seus aplausos son o noso alimento.Ilusión e esperanza son sementes que poñemos cando queremos realizar unha nova montaxe. Debido ós múltiples compromisos que o Bordelo adquiriu no ano do seu décimo aniversario foi especialmente difícil chegar a estas datas e ter preparada esta nova representación. “ O espello do prestamista”, interpretada por Dolores Viamonte Rey, María Paz Rodríguez Silva, Antonio Glez- Patoso, Xosé Manuel Glez- Copa e Francisco Piñeiro, autor e director da peza, quere ser unha visión satírico- popular da crise económica actual.



Gotiñas de retranca e de filosofía galega que xa veñen de volta dos ríos da historia enchoupadas de recordos dos castelos ou das tráxicas historias da emigración que,
queiramos ou non, desembocan neste turbulento mar actual onde os sentimentos afogan e nos facemos escravos do gran capital.
Cambiamos de muiñeiro pero seguimos tendo patróns e o carto vai e o carto vén pero canto máis se vai menos se ten



Chegou a hora de dicir Basta!
A xente honrada, que se esforza e que traballa comeza a estar moi farta de vivir sempre empeñada, de que recorten sempre a súa manta e non poidan tapa-los pés nin chegar a fin de mes.
Teatro esencialmente popular en clave de humor (enraizado na Mariña Lucense



Defensa da idiosincrasia particular dos pobos e das súas culturas.


domingo, 14 de septiembre de 2008

HISTORIA DO TEATRO AFECCIONADO NA MARIÑA LUCENSE


Certamente a Mariña Luguesa é terra aberta; aberta ás ideas, abertas as xuntanzas,.
Á Mariña convén entendela. Os seus aires de mar sementan recordos na terra e cos recordos escribímo-la historia dos pobos, das vilas e aldeas, a historia das verbas, do esforzo xigante, da xente que espera, das bágoas e festas, de todo aquilo que á alma alimenta e un pobo agradece si se garda “in memoriam” para que non esmoreza.

Coa excusa do noso décimo aniversario, o noso director Francisco Piñeiro pretende sacar adiante un libro no que leva tempo traballando: A HISTORIA DO TEATRO AFECCIONADO NA MARIÑA LUCENSE.
Contribuir a mingua-lo esquecemento é o principal obxectivo deste traballo; intentar rescatar das gadoupas dos tempos murchos aqueles esforzos escénicos dos mariñáns que, con moita imaxinación, moito ánimo e poucos recursos foron capaces de consolidar ese soño colectivo que é o teatro porque “un a un somos mortais, pero xuntos somos eternos”
Estas páxinas tamén serán un froito colectivo. Páxinas escritas pola amizade e o altruísmo de moitos colaboradores espallados dentro e fóra das fronteiras dese escenario azul e verde que conforman o mar coas serras do Xistral e da Corda. Para todos eles vai por diante o máis sinceiro agradecemento. Xuntos entendemos que o teatro reflicte a imaxe dos pobos, que un pobo sen teatro é un pobo sen verdade. Falamos do teatro, sen adxectivos, sen comparacións, daquel que agroma inxenuo, namorado, sen pretensión de méritos nin medallas; aquel que á maioría dos “entendidos” non lles cadra na súa vara de medir por ter esquecido o que Lope de Vega deixou dito: “ ..el pueblo es el único que dicta las leyes del teatro”.. porque “..el teatro es un instrumento robado al pueblo”, confirmou García Lorca, e ..”.. todo o que conecte co pobo ten dinidade”…según Blanco Amor.
Por todo elo , entendemos que a súa historia ben merece que non se perda.

E para que non quede nigún esforzo sen relatar queremos pidir desde este blog a colaboración de todos os que saiban de algo referente o teatro que se fixo ou que oiu. Agradeceriamos que se puxeran en contacto con nós, a través do correo franpigon@hotmail.com ou dos teléfonos que están á marxe. Moi agradecidos

domingo, 24 de agosto de 2008

EXPRESS-arte 2008

A primeira edicion de Express-arte foi da man das VIII Veladas de teatro e cumpriu os seus obxectivos: abrir unha xaneliña para asomar inquedanzas artísticas
As actuacións foron seleccionadas baixo dous criterios: a lembranza dos ex-membros do grupo "O Bordelo", no seu décimo ano, e as oportunidades ós artistas locais

O mércores representaron "Apertas de airío": Rubén Fernández, Carmen Polo, Santiago Alvarez e Pilar Rodríguez. O día 31 ,emocionou ó público o cantautor Ramiro Chaves















O venres,día 1 de agosto, por mor de problemas coa voz non puido actuar Luis Rodríguez para lembrarnos a Pucho Boedo e nunha improvisación de Juan José Pardo coa súa filla Ainoa resolvémola situación

O día 2, sábado, Mª Luján Ramos Ben, Ramón Luis Bernardo Insua e Antón-Xosé Díaz Valle reestrenaron "Saloucos" a peza embrionaria do grupo "O Bordelo" ,no contexto do asunto "Cason".






E por último, o domingo, Juan José Pardo e a súa filla Ainoa , como ex- membros do Bordelo puxeron en escena "O diploma".

A idea de EXPRESS- arte foi aplaudida e queda sementada .








Grazas a todos!


O domingo , dia 3 de agosto, remataron as VIII Veladas de Teatro no Souto. Foron cinco noites nas que o pobo de Cervo , xunto a moitos amantes do teatro afeccionado chegados, adrede , dende distintos lugares da provincia , deron unha lección de participación e respecto polo traballo dos grupos participantes, os cales corresponderon cunha entrega admirable.

Cunha participación dun promedio de máis de catrocentas personas diarias ,as Veladas de Teatro no Souto despuntan coma unha das ofertas culturais a elexir nas noites de agosto da Mariña Lucense.

"A beleza do lugar, a acústica, a participación e o respecto polo teatro confluen aquí" afirmou Manuel Lourenzo , quen nos visitou por sorpresa e a súa compaña foi un dos mellores agasallos para o grupo de teatro " O Bordelo" no seu décimo aniversario.

Moitas grazas a todos.